top of page
Writer's pictureValdeorras Vive

De Valdeorras a Estonia: emprendemento e innovación xunto a Ethos MTÜ

Ola a todos! Hoxe queremos compartir a experiencia inspiradora que tivemos en Tallin, a fermosa capital de Estonia. Esta é a segunda mobilidade da nosa small scale partnership titulada Eesti e España, xuntos para a nosa mocidade.

Nota: unha small scale partnership é unha forma de colaboración entre dúas asociacións de diferentes países para estreitar lazos e acadar obxectivos comúns dentro do programa Erasmus+. A primeira mobilidade tivo lugar en Peñalba de Santiago, contámosvos esta experiencia aquí.

O pasado mes de xuño, durante cinco días súper intensos, o noso equipo de Valdeorras Vive viaxou a Tallin para reencontrarnos con moitas caras coñecidas, coñecer un país novo e vibrante e seguir explorando e aprendendo con exemplos reais. Imos tentar resumir todo o que vivimos durante esta aventura única.

Desde o momento en que chegamos, namorámonos da encantadora cidade de Tallin. Aloxámonos no centro histórico, rodeados de rúas empedradas e edificios medievais. Foi como mergullarse nun conto de fadas. Pero máis alá da súa beleza, descubrimos que Tallin é un centro vibrante de emprendemento e creatividade, así como unha cidade chea de historia.

O primeiro día pola mañá rompímolo xeo cuns obradoiros nun parque da capital. Xusto despois fixemos un percorrido guiado e un tanto macabro polo centro histórico onde nos contaron con detalle algunhas das torturas e execucións públicas da época medieval.

Durante este intercambio tivemos a oportunidade de coñecer moitos exemplos reais de proxectos exitosos. Visitamos a panadería Boulangerie e coñecemos a Anna, a súa fundadora. É un fermoso exemplo de comezar de cero un modelo de negocio tradicional, unha panadería de inspiración francesa. É fantástico ver como con traballo e paciencia unha idea pode acabar contribuíndo ao desenvolvemento económico da túa cidade, e é que nestes momentos xa abriron un segundo local e contan con máis de 40 empregados na capital.


Pero se hai un ambiente único cando se fala de emprendemento en Estonia, ese é o barrio de Telliskivi, o berce de startups que nalgúns casos se converteron en empresas de tanto éxito como Skype, Bolt ou TransferWise. Nunha visita verdadeiramente inspiradora, puidemos coñecer Lift99, unha das incubadoras de proxectos máis exitosas dos últimos anos, e acribillamos a preguntas ao seu actual director, Rannar Park.


Outro dos momentos máis emocionantes destes días foi a visita ao Riigikogu, o parlamento de Estonia. Que ocasión tan especial! Tivemos a sorte de entrar con Hanah Lahe, a deputada máis nova do país, como guía persoal. Xusto ese mesmo día aprobouse o matrimonio igualitario en Estonia. Para nós foi un auténtico testemuño do progreso e inclusión que se está a conseguir no país, e temos a honra de presenciar un momento tan histórico.

Tamén participamos de Europa Experience, un simulador do Parlamento Europeo onde coñecemos o funcionamento interno e o dinamismo desta institución. Esta experiencia permitiunos comprender mellor como se toman as decisións a nivel europeo, dende os grupos de presión coñecidos como lobbies ata o funcionamento interno de cada partido, non faltaba ningún detalle.



Incluso tivemos tempo para unha excursión dun día á cidade de Narva, situada na fronteira rusa. Alí coñecemos a mozos da asociación VitaTiim que están a facer o seu Voluntariado Europeo (ESC). Impresionounos o seu entusiasmo por marcar a diferenza na súa comunidade, nunha das zonas máis illadas e que máis desafíos afronta do país. Ademais, descubrimos un patrimonio industrial fascinante: a enorme fábrica téxtil de Kreenholm.



A oportunidade de colaborar con Ethos MTÜ este ano inspirounos a seguir traballando xuntos e a manter viva a nosa paixón pola educación non formal, o desenvolvemento xuvenil e o emprendemento, que non é pouco. Durante este tempo puidemos aprender da súa experiencia, desenvolver actividades locais e incluso lanzar un xogo de cartas sobre o emprendemento e o fascinante concepto de Ikigai, que xa temos comezamos a probar nos nosos proxectos e intercambios xuvenís.


Estonia e España están máis preto que nunca!


Álvaro Docampo


Comments


59452192_314183905926127_2046126220860456960_n.jpg
mdsa.gob_.injuve.png
EN_Co-fundedbytheEU_RGB_POS.png
bottom of page