top of page
Writer's pictureValdeorras Vive

Mindful Steps: un Camiño de Santiago ao noso ritmo

Xa pasaron uns meses desde que rematamos Mindful Steps, un intercambio Erasmus+ que nos levou polo Camiño de Santiago dunha maneira moi especial: cun grupo internacional de rapaces e rapazas moi motivados, durante uns días calorosos de xullo, onde non había présa por chegar a ningún destino.

Esta vez, o obxectivo non era Santiago. De feito, quedamos ben lonxe, xa que o noso foco estaba na saúde mental e no mindfulness. O noso obxectivo era crear un espazo para a autoreflexión, a conexión co aquí e agora e co marabilloso entorno natural das montañas do Bierzo—¡e conseguimos facelo de verdade!

Comezamos sen présa ningunha no casco vello de Ponferrada, onde dedicamos os dous primeiros días a coñecer o básico sobre a ruta e aos nosos compañeiros de viaxe, que viñeron de Grecia, Estonia e Romanía. Como bos anfitrións, preparamos moitas actividades para descubrir a cidade, coincidindo coa época máis máxica do ano, durante as Noites Templarias.

No terceiro día, tras un madrugón, puxémonos en marcha polo Camiño de Inverno, unha ruta alternativa que atravesa Valdeorras e que nos trae moi bos recordos. O primeiro día de peregrinación levounos por moitas aldeas ata o Castelo de Cornatel, onde pasamos a noite no albergue solitario de Villavieja, sen cobertura móbil, só nós e baixo un manto de estrelas.

Neste punto, rodeados de natureza, mergullámonos en actividades de meditación, xogos de cartas e reflexións en grupo. O día seguinte, tras coñecer o interior do castelo de Cornatel, continuamos a nosa ruta ata o lago de Carucedo, onde pasaríamos o resto do intercambio.

O realmente único deste proxecto foi que os participantes puideron dirixir as actividades. Ioana de Romanía guiou varias sesións de meditación, un exercicio novo e poderoso para moitos. Gedi de Estonia dirixiu unha clase de ioga fronte ao lago de Carucedo, e Astrid conduciu unha clase de baile improvisado. Foi fascinante ver como nos apoiabamos no proceso de aprendizaxe e participabamos nas iniciativas dos outros.

A dinámica deste grupo de peregrinos Erasmus+ foi incrible—moi proactiva! Incluso parecía que poderiamos facer unha ruta moito máis longa con eles. Tamén destacamos que, entre todos os grupos que acollimos, este foi dos máis interesados en aprender sobre un estilo de vida saudable. A curiosidade e a paixón duns animaban aos demais a seguir adiante e aprender sobre novos hábitos saudables: conexión coa natureza, alimentación equilibrada (comeron moreas de froita) e moverse facendo deportes variados.

Ademais da mítica ruta polas Médulas e as súas covas e túneles romanos, houbo tempo para xornadas de vóleibol e unha fermosa tarde de kayaks polo lago de Carucedo. Incluso fixemos un reto de 24 horas sen móbil, no que varios participantes decidiron non usar o teléfono durante varios días, gardándoos nunha caixa para estar presentes ao 100% durante a experiencia.

Co paso dos días, todos notamos como ese equilibrio entre corpo e mente se fortalecía, permitindo gozar do presente sen distraccións. Cada conversación, cada quilómetro camiñado, e cada momento de silencio compartido foi unha oportunidade para redescubrirnos, conectar co esencial e levar connosco aprendizaxes que sen dúbida nos acompañarán no futuro. A maxia do Camiño de Santiago non está só en chegar a Compostela, senón nos pasos que damos e nas persoas coas que os compartimos.


Sen dúbida, este non será o último.


¡Ata a próxima aventura Erasmus+!

留言


59452192_314183905926127_2046126220860456960_n.jpg
mdsa.gob_.injuve.png
EN_Co-fundedbytheEU_RGB_POS.png
bottom of page