Budapest, Mezöberény e un Erasmus+ que sabe a paz
- Valdeorras Vive

- Sep 23, 2025
- 2 min read
Este mes de agosto viaxamos desde España ata Mezöberény, unha pequena vila húngara que durante unha semana se converteu no escenario de Participate in Peace, un intercambio xuvenil organizado pola asociación local 21 Days dentro do programa Erasmus+.

Alí coincidimos con mozos e mozas de Portugal, Grecia, Italia, Hungría e, por suposto, co noso equipo español representando a Valdeorras Vive. Durante eses días compartimos dinámicas de grupo, obradoiros sobre paz e convivencia, xogos, debates e tamén momentos de reflexión, todo dentro dese ambiente tan característico dos youth exchanges.

O equipo español, Ainhoa, Alba, Jesús, Ana, Rubén e Lucas como líder de grupo, funcionou moi ben en conxunto, achegando actividades propias e mostrando tamén a diversidade que existe dentro do noso país. Cada un viña dunha zona distinta da xeografía española, algo que chamou moito a atención do resto de participantes e que fixo aínda máis ricos os intercambios culturais.

Dentro das actividades, o que máis nos aportou foron os debates sobre paz e convivencia, unha simulación do comercio e das institucións da UE co exemplo do chocolate, e, por suposto, a oportunidade de liderar as nosas propias actividades. Entre elas destacou unha dinámica ao aire libre moi divertida: un “volei” improvisado con globos de auga que rematou con todos mollados e rindo ás gargalladas.

As noites interculturais foron, como sempre, un dos momentos máis especiais: cada país presentou a súa gastronomía, música, bailes e tradicións. Foi unha oportunidade para descubrir a riqueza de Europa (e máis alá) a través da súa mocidade.

Ademais da semana de actividades en Mezöberény, aproveitamos para coñecer Budapest antes de regresar á casa. Alí gozamos dos seus recunchos máis emblemáticos e, por suposto, das famosas termas húngaras, un peche perfecto para a experiencia.

Desde Valdeorras Vive sentimos agradecemento por ter compartido esta aventura xunto a 21 Days e a todos os participantes internacionais. Levamos con nós novas amizades, aprendizaxes sobre a paz e a convivencia, e a certeza de que este tipo de proxectos contribúen a construír unha Europa máis unida, diversa e solidaria.









Comments