Construíndo alianzas en Peñalba: RuralMakers e RuralMakers 2.0
- Valdeorras Vive

- Sep 25
- 2 min read
Entre novembro e xaneiro, Peñalba de Santiago converteuse unha vez máis nun punto de encontro internacional grazas ás dúas Partnership Building Activities (PBA) que organizamos desde Valdeorras Vive: RuralMakers e RuralMakers 2.0.

Reunimos a asociacións de 15 países diferentes, procedentes de lugares tan diversos como Curaçao, Xeorxia, Turquía, Bosnia & Herzegovina, Chequia ou Kosovo. Foi un verdadeiro mosaico cultural no que a diversidade se converteu na maior fortaleza do grupo.

O obxectivo principal foi acompañar a estas organizacións no proceso práctico de deseñar e preparar unha solicitude Erasmus+, coa mirada posta nas próximas convocatorias. Para iso, traballamos de maneira moi práctica: desde entender como encaixar as ideas nas prioridades do programa, ata definir obxectivos, actividades e metodoloxías que deseñaran os futuros proxectos.

En ambos proxectos utilizamos a sala de actividades do Espazo Genadii, cedida pola Fundación Hospital da Raíña, como centro de traballo e encontros colaborativos. Ademais, como é tradición, visitamos o Pazo de Canedo e coñecemos o gran exemplo de emprendemento rural que é Prada A Tope, mostrando ás persoas participantes como a innovación e a cultura local poden xerar impacto nos contornos rurais.

Pero máis alá da parte técnica, houbo espazo para o que realmente dá sentido a un PBA: coñecerse, compartir experiencias e descubrir posibles sinerxías. Cada organización presentou o seu traballo, a súa realidade local e a súa visión de futuro, enriquecendo o intercambio cultural entre contextos tan diferentes.

Durante ambos proxectos tamén visitamos Ponferrada, onde nos reunimos cos responsables de xuventude e medio rural do Concello, e organizamos unha actividade co Instituto IES Gil e Carrasco, achegando a faceta de educación non formal do programa Erasmus+ a centos de estudantes e ao seu profesorado.

No caso de RuralMakers 2.0, durante xaneiro sorprendeunos unha gran nevarada no pobo, creando un escenario espectacular que engadiu un toque máxico ás sesións e actividades ao aire libre.

Peñalba, co seu contorno único e o seu carácter inspirador, ofreceu o marco perfecto para traballar nun ambiente próximo e colaborativo. Entre sesións de traballo, paseos polo pobo e conversas informais, fóronse tecendo alianzas que xa están a dar lugar a novas iniciativas conxuntas.

Estes encontros reforzan o noso compromiso con crear redes internacionais desde o local, apoiando a outras entidades no seu camiño dentro de Erasmus+ e consolidando a Valdeorras Vive como un socio activo na construción de proxectos europeos con impacto social.



📌 Mais información:









Comments